02/04/2024
Dez anos despois da súa creación, o EIJE volve á USC para unha edición dedicada ao "Emprendemento e Sustentabilidade: O impacto social e ambiental dos negocios". A celebración da décima edición do Encontro Internacional de Mozos e Mozas Emprendedoras (EIJE), que terá lugar os días 11 e 12 de abril de 2024 na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
Este evento, froito dunha colaboración entre a Escuela Superior de Ciencias Empresariales (ESCE) do Instituto Superior Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, ten como obxectivo fomentar a formación empresarial das persoas participantes, ofrecéndolles un espazo único para adquirir competencias e coñecementos vitais para o seu futuro profesional.
- Participación e innovación
O EIJE 2024 está aberto a estudantes e exalumnas de calquera titulación e nivel (Grao, Mestrado e Doutoramento) da USC, así como doutras institucións de ensino superior asociadas. Os proxectos seleccionados, que poderán ser tanto ideas de negocio como proxectos empresariais máis desenvolvidos, presentaranse ante un xurado profesional nunha sesión de pitchs.
Este evento non só busca premiar as mellores ideas e proxectos, senón tamén crear unha rede internacional de emprendemento xoven que permita intercambiar coñecemento e experiencias entre Galicia e o norte de Portugal, fomentando así a cooperación transfronteiriza.
- Chamamento á acción para emprendedoras/es
Desde o LIESGA, animamos ás xóvenes emprendedoras a presentar as súas ideas e proxectos antes do 7 de abril. O EIJE 2024 representa unha oportunidade única para conectar, aprender e crecer nun ambiente colaborativo e inspirador.
Para máis información visite a web. AQUÍ